Monday 20 de May de 2024

Feijóo celebra a apertura do peirao de transatlánticos á cidadanía e defende que os espazos gañados benefician aos coruñeses


Reivindica a necesidade de abrir un espazo para a concordia política e convida a todas as administracións a traballar na procura de entendemento

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, celebrou hoxe a apertura do peirao de Transatlánticos na Coruña á cidadanía e defendeu que os espazos gañados benefician aos coruñeses. Ao tempo que engadiu que se completará proximamente coa apertura de novos espazos como o peirao de Batería ou o peirao de Calvo Sotelo.

Nese sentido, lembrou que o obxectivo segue a ser trasladar o porto cara ao exterior da cidade e abrir este espazo completamente aos cidadáns como propietarios lexítimos. “Non temos outro obxectivo que devolver o porto aos coruñeses e facer compatible a actividade portuaria coa cidadanía”, abundou.

Durante o percorrido polas instalación do porto, Feijóo visitou a exposición fotográfica Contra viento y marea que permanecerá aberta nese espazo ata o 4 de abril e pon en perspectiva o comportamento maioritariamente exemplar dos galegos neste ano excepcional de pandemia. Momento no que pediu prudencia aos cidadáns e fixo un chamamento a extremar as precaucións en Semana Santa.

O titular do Executivo autonómico aproveitou tamén esta visita para reivindicar a necesidade de abrir un espazo para a concordia política, así como para convidar a todas as administracións a traballar na procura de entendemento. “É un proxecto de todos, dos cidadáns, do concello, do porto e da Xunta de Galicia” sinalou, expresando o desexo de impulsalo nesta lexislatura, xa que non foi posible previamente.

Nese sentido, destacou que este é o momento idóneo para facelo xa que hai interese por parte das institucións e este novo modelo de actividade económica podería supoñer unha oportunidade fronte a recesión económica que estamos vivindo. Ao fío disto, expresou a súa intención de acadar na vindeira reunión o 9 de abril co ministro de Transportes solucións, “necesitamos un ferrocarril de acceso ao porto de Langosteira e unha solución financeira, que é responsabilidade dos Gobernos centrais”, abundou.